xoves, 24 de outubro de 2013

valoración das mobilizacións contra a LOMCE

Unha vez máis (esta é a segunda vez que o ensino esixe de maneira rotunda e unánime a retirada da contrarreforma educativa) a participación das familias, profesorado e alumnado, nunha mañá de dioivo que empapou os nosos corpos, baleirou as aulas nos centros de ensino público na Costa da Morte contra a LOMCE. Unha lei que está ao servizo da exclusión social e da desigualdade.
Con iso amosamos que as ANPAs da Costa da Morte non imos permanecer caladas unha vez que a LOMCE xa pasou o trámite parlamentario do Congreso e  foi enviada ao Senado. Non debemos esquecer que a  LOMCE pretende expulsar do ensino a unha boa parte do alumnado (o que teña menos recursos), avanza na confesionalidade e na privatización do ensino e é unha lei profundamente españolizadora , que nega o dereito ao ensino en galego, e mesmo pretende rebaixar a calidade educativa que o alumnado galego está a recibir na actualidade.

Para a federación de ANPAs da Costa da Morte sabemos que é unha lei que nace cos días contados e que vai directamente contra o corazón do sistema educativo público. Por iso afirmamos que o conselleiro e o ministro de Educación son moi merecentes destes agasallos reivindicativos en forma de mobilización masiva contra a LOMCE. Esa lei da que só agardamos a súa retirada, por nacer cun diagnóstico de morte inmediata.

Xosé Antón de la Fuente Subiela,

Presidente da federación de ANPAs da Costa da Morte

martes, 22 de outubro de 2013

Manifesto da Cultura Galega contra a LOMCE

Asina contra a LOMCE se pertences ao ámbito cultural ou a algunha asociación que desenvolva a súa labor nese ámbito
O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.    
Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence e debe estar vehiculizado  na lingua propia para  formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.
Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.
O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se poidan educar na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para  así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

sábado, 12 de outubro de 2013

FOLGA E MANIFESTACIÓNS CONTRA A LOMCE 24 DE OUTUBRO



Dende federación de  ampas da Cosa da Morte animan a secundar a folga do vindeiro día 24 e a participar manifestándonos contra a LOMCE.


As anpas, federación de anpas, profesorado, alumnado, sindicatos de ensinantes, plataforma galega ou colectivos en defensa do Ensino Público e os diversos sindicatos de estudantes, como membros  da comunidade educativa, estamos mobilizándonos contra os recortes no Ensino. A cada paso fomos  acadando máis  apoio social e creando conciencia necesaria para defender e potenciar o ensino como garantía dunha sociedade máis xusta que loita contra as desigualdades e busca garantir a formación das novas xeracións. O obxectivo, como dixemos outras veces, é claro: na defensa do Ensino Público loitamos polo futuro das nosas fillas e fillos, das fillas e fillos do noso País.
Continuamos e así continuaremos animándovos a non deixarse levar polo desánimo diante das descualificacións que estamos a recibir, do ministro Wert, os distintos colectivos que estamos loitando contra a implantación da LOMCE.

 A recente constitución da federación da Costa da Morte permitiu a organización colectiva das anpas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, Costa da Morte para seguir pelexando polos dereitos do alumnado, das nosas fillas e fillos, de xeito colectivo e coa suficiente capacidade de auto- organización. Dese xeito, e colaborando con outras federacións de Anpas Galegas, poidamos manter e mellorar un sistema público de ensino axeitado ás necesidades da xente nova do noso País.
E nesa pelexa animamos  a participar na folga xeral contra a LOMCE o 24 de outubro e no tempo que resta até ese día, podamos  explicar as razóns que nos levan a rexeitar ese pernicioso proxecto de lei.

Manifestacións contra a LOMCE na Costa da Morte:

Carballo: praza do Concello, ás 11:30 h.

Cee: praza 8 de Marzo, ás 11:30 h.

xoves, 10 de outubro de 2013

Concurso do logotipo da ANPA

Xa estamos traballando en coordinación coa dirección do centro na realización dun concurso para escoller o logotipo da asociación no que poderán participar as alumnas e alumnos do colexio. non tardaremos en achegarvos máis información sobre esta actividade.

ASEMBLEA XERAL

O venres 11 de outubro celebramos a nosa 1ª asemblea xeral no local social do concello, debaixo da biblioteca municipal de Laxe, ás 8 da tarde en primeira convocatoria e ás 8 e media en segunda. os puntos da orde do día son a presentación da Anpa e informar da programación anual de actividades para o curso 2013-2014. Esperamos que vos sumedes o maior numero de nais e pais para formar unha anpa o máis grande e forte posible o que irá en beneficio das nosas fillas e fillos.