martes, 22 de outubro de 2013

Manifesto da Cultura Galega contra a LOMCE

Asina contra a LOMCE se pertences ao ámbito cultural ou a algunha asociación que desenvolva a súa labor nese ámbito
O sistema educativo que impón a LOMCE é un sistema afastado do noso país, da nosa cultura, da nosa historia e da nosa lingua, é dicir, de todo aquilo que nos conforma como pobo. Un sistema que pretende formar persoas desarraigadas que non se recoñezan no contexto que as rodea, converténdoas en analfabetas na cultura e mesmo na lingua que este país creou ao longo dos séculos.    
Un sistema educativo público debe estar ao servizo das necesidades do país ao que pertence e debe estar vehiculizado  na lingua propia para  formar na súa cultura e para a súa cultura. A LOMCE pretende alienar e uniformar o alumnado galego cun traxe españolizador que lle impida recoñecerse como galego e coñecer a obra dos seu propio pobo e das e dos que singularmente destacan nel como creadores excepcionais.
Rexeitamos un sistema educativo que educa as persoas para ser emigrantes e que desvaloriza o propio como inservíbel e desapropiado. Non é posíbel respectar a diversidade, avanzar e mesmo construír outro mundo se non se fai desde o coñecemento e a estima do propio.
O sistema educativo debe ter como obxectivo prioritario o de dotar as xeracións futuras das ferramentas necesarias para se poidan educar na capacidade de análise crítica, no razoamento científico e desprexuizado, no laicismo, na solidariedade, na igualdade, na xustiza social, na equidade, no exercicio da democracia e da liberdade de expresión para  así contribuír á transformación social, necesaria para conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Ningún comentario:

Publicar un comentario